martes, 31 de julio de 2012


Ríos de albariño


Madrid, 30 xul. (EFE).- Cando de neno estudaba xeografía, sentíame fascinado polos grandes ríos do mundo: Amazonas, Mississippi, Orinoco, Nilo, Níxer, Zambeze, Ganxes, Yang Tsé, Mekong... Logo tiven que aprender, do Vístula ao Volga, é dicir, do Báltico ao Caspio, os ríos europeos. Gustábame.
Fun medrando, e decateime de que no Vello Continente había ríos que levaban menos auga e eran menos longos que os grandes cursos fluviais doutros continentes, pero en cuxas ribeiras se producía outro tipo de líquido: facíanse grandes viños. O Rhin, o Loira, o Ródano, o Garona...

En España, o Ebro, cos cinco afluentes que lle entran por estribor e configuran o que coñecemos como a Rioxa; o Douro e, naturalmente, os ríos galegos: o Támega, que vai ao Duero, mellor dito, ao Douro, cos viños de Monterrei; o aurífero Sil, que acolle os da Ribeira Sacra e Valdeorras; o Avia, que lle dá nome á capital do Ribeiro...

E os ríos do albariño: o baixo Miño, do Condado ao Rosal; o Ulla de Macías, Rosalía e Cela e, sobre todo, o Umia, saltareiro e traveso en Caldas de Reis e que logo cruza concellos tan soados nos viños das Rías Baixas como Meis, Ribadumia e Cambados, vertendo as súas augas ao mar de Arousa entre estes dous últimos.

A Cambados iremos todos os amantes do albariño a primeira fin de semana de agosto, como facemos desde hai xa máis de medio século, a festexar o albariño. Unha festa que impulsaron, alá polos anos 50, Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo e Manuel Fraga, e que cada ano reúne na capital do Salnés, que é o berce do albariño, decenas de miles de persoas que desde o mediodía a ben entrada a madrugada circularán, cataviños na man, entre as casetas das distintas adegas.

Nós estaremos un ano máis, e van vinte e catro, no xurado da cata anual, nas súas dúas sesións: a cata prima, eliminatoria, e a cata derradeira, á que só chegan doce viños e na que se elixirán os tres mellores, que serán proclamados na comida comunitaria que une centos de persoas relacionadas co albariño.

Hai que dicir que a cata de Cambados é só de albariños. De viños elaborados exclusivamente con esa variedade, sen mesturas doutras uvas. Catamos os albariños cando pasou case un ano desde a vendima, cando xa son viños que están para beber.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que desde hai unhas semanas preside Juan Gil Careaga, marqués de Figueroa e elaborador do primeiro albariño que luciu etiqueta, o Albariño de Fefiñanes, cualificou de "moi boa" a colleita do 2011. Verémolo esta fin de semana.

Porque, de momento, estamos bebendo a do 2010, e incluso algunha anterior. Ata hai uns anos, a xente pensaba que había que beber albariños da última colleita, novos e frescos. Aos poucos fómonos informando de que iso podería valer noutros tempos, de viños peor elaborados, pero non agora: o albariño evoluciona para ben na botella, e dá o mellor de si mesmo no seu segundo e no seu terceiro ano.

Aínda hai quen rexeita albariños de colleitas anteriores á do ano, pero cada vez son menos: a xente sabe que a un gran viño non se lle pode pedir só frescor e froitosidade, senón unha maior complexidade que adquire co tempo.

Falamos dos albariños de elaboración tradicional, non dos novos albariños madurados en depósito de aceiro ata tres anos, nin dos que parece que por fin, cun tratamento sabio, están aprendendo a manter unha prudente convivencia coa madeira, co carballo. En Cambados cataremos os albariños do ano, que, se todo vai ben, beberemos o ano que vén.

Albariño. Envolto na lenda, como todos os grandes viños. Hoxe descártase a teoría de que fosen os monxes de Cluny os que trouxesen as súas cepas renanas ou borgoñoas e as plantasen á beira do océano, en beneficio da que considera autóctona (todo o autóctona que poida ser) a variedade. Gustábame máis a outra, pero cando a ciencia se pon prosaica hai que deixar a lenda, aínda que sempre encerre máis beleza.

Son os viños da fin do mundo, os viños do mar, cun case imperceptible toque salino, que, loxicamente, se entenden á perfección coa fauna mariña, desde as ostras aos percebes e ás centolas, desde os linguados ás robalizas e aos rodaballos.

Viños, por fin, sen complexos, que poden plantarlle cara, con respecto pero sen achicarse, aos grandes brancos europeos, pola sinxela razón de que o albariño, os albariños, forman parte da elite dos grandísimos brancos de Europa. Benditos ríos Umia, Ulla e Miño, fontes de tantas delicias. EFE

No hay comentarios:

Publicar un comentario